RESPIRA CEDEIRA. PERCORRIDO PARA DESCUBRIR O PATRIMONIO DE CEDEIRA
Dende este xoves 30 de outubro ata o próximo xoves 6 de novembro levaranse a cabo tres xornadas desta ruta guiada gratuíta sobre o patrimonio de Cedeira. As inscricións deberán realizarse a través do seguinte formulario: https://forms.gle/P3fd68cfCUxQKThd9.
A ruta polo patrimonio consta dun percorrido circular que ten o seu inicio e o seu final nos xardíns Paseo da Marina, e transcorre por lugares destacados do paisaxe da vila coma os locais das redeiras, a estatua homenaxe as mulleres peixeiras, o club de remo, a antiga lonxa, os almacens Percebelleiros e mariñeiros, a lonxa de Cedeira, o Castelo da Concepción, Punta Sarridal, a Capela de San Antón do Corveiro, as casas dos mariñeiros en “Crónicas” e o casco antigo.
O Concello de Cedeira ofrece esta visita guiada gratuíta en tres xornadas diferentes: o xoves 30 (10:30 h) de outubro, e o luns 3 (16:30 h) e xoves 6 (10:30 h) de novembro. É precisa a inscrición a través do seguinte formulario: https://forms.gle/P3fd68cfCUxQKThd9.
Con un gran patrimonio litoral e mariñeiro, a ruta comeza preto da praza do Peixe, onde fai anos os mariñeiros chegaban a porto para vender as súas capturas nunha lonxa improvisada a ceo aberto. Iniciado o traxecto, tras pasar pola cofraría de pescadores e o Museo do Mar, atópase unha homenaxe as mulleres peixeiras que cargaban nas súas cabezas os cestos de peixe para ir a vendelos as aldeas ou as fábricas de conservas. O percorrido visita a antiga lonxa (agora ocupada polo club de remo), ata chegar aos novos almacenes dos mariñeiros e percebelleiros nos que preparan as súas artes de pesca. Xa no Castelo da Concepción, observaranse os restos dun par de cetáreas das que case non queda nada xa. O castro Sarridal fai de entrada para a punta que lle da nome e na cal se poden ver unhas cetáreas recentemente restauradas. Tras pasar pola Capela de San Antón do Corveiro comeza o camiño de volta á vila cruzando as estreitas rúas da zona vella, fogar de mariñeiros noutros tempos.
Este tipo de rutas enmarcadas no proxecto “Respira Cedeira” preséntanse como unha alternativa de ocio activo para a poboación local e visitante con diferentes perfís. Estas mesturan a divulgación sobre diferentes temáticas de interese do litoral, a posta en valor dos recursos da contorna e o turismo activo, grazas á colaboración de guías especializados.
O proxecto “Respira Cedeira” ten como obxectivo promocionar o patrimonio de Cedeira dende distintos ámbitos, creando produtos turísticos sostibles que axuden a desestacionalizar a actividade turística, crear relacións positivas co entorno e repercutir positivamente no desenvolvemento local. Foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.