O MINISTERIO VAI REPARAR OS DANOS CAUSADOS POLOS SUCESIVOS TEMPORAIS NA PRAIA DA MADALENA
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, recibiu esta semana a visita do subdelegado do Goberno, Julio Abalde, e do xefe de Demarcación de Costas de Galicia, Carlos Gil, que acudiron a comprobar os danos provocados polos temporais dos últimos meses na praia da Madalena. Tal como informaron, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) vai realizar unhas obras de urxencia para reparalos, cun investimento de 250.000€.
As obras previstas consistirán principalmente na reparación do encauzamento do río e na recolocación de area, actuacións destinadas a recuperar as condicións naturais da Madalena e garantir a súa capacidade de resposta fronte a futuros episodios de forte temporal.
O subdelegado do Goberno, Julio Abalde, explicou que a sucesión de varios temporais nun curto espazo de tempo provocou importantes mobilizacións de area e alteracións na morfoloxía da praia, o que fai necesario intervir para restaurar o equilibrio do areal. Segundo indicou, estas actuacións permitirán recuperar a funcionalidade da praia como espazo natural, de uso público e tamén como elemento clave de protección fronte á erosión costeira.
As obras comezarán a finais deste mes, unha vez finalizados os traballos preparatorios, e forman parte do conxunto de actuacións impulsadas polo Goberno de España para reparar os danos ocasionados polos temporais no litoral.
Non foi a praia de Cedeira a única que sufriu os efectos dos temporais neste inverno. De aí que o Miteco teña planificado actuacións de reparación nas provincias de Pontevedra, A Coruña, Girona, Tarragona, Castellón, Valencia e Murcia, ademais de Ceuta, cun investimento global de 5.700.000 euros. Todas elas realizaranse nun prazo máximo de nove meses.
En Galicia, as numerosas tormentas provocaron diversos danos tanto en praias como en dunas, principais defensas naturais da costa, así como noutras instalacións costeiras. Deste xeito, o investimento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ascende a 1.080.000 euros, distribuídos entre a provincia da Coruña (760.000 euros) e a de Pontevedra (320.000 euros). No caso coruñés, as intervencións desenvolveranse en praias de varios concellos afectados polos temporais, como son Cedeira, Cee, Corcubión, Ézaro e Porto do Son.