O CONCELLO DE CEDEIRA REIVINDICARÁ IGUALDADE REAL, NESTE 8M, DANDO VOZ A MULLERES DE DIFERENTES XERACIÓNS
O Concello de Cedeira celebrará o vindeiro domingo, ás 18.30h, o seu acto do 8M, o Día Internacional da Muller, no que vai reivindicar a igualdade real entre homes e mulleres. O Auditorio Municipal acollerá a cita, que comezará pola lectura do manifesto institucional, que correrá a cargo do Equipo de Igualdade do IES Punta Candieira, que terá tamén oportunidade de presentar brevemente o traballo que fan no centro educativo. A continuación entregaranse os premios do II Concurso de Carteis 8M e para rematar desenvolverase sobre o escenario a performance interxeracional “As que estiveron, as que están e as que virán”, no que van tomar parte unhas vinte mulleres de Cedeira.
Cómpre recordar que o Concurso de Carteis do 8M vai repartir 600€ en premios entre tres categorías, a de nenos e nenas nadas despois de 2014; a xuvenil (de 2014 a 2008) e a de adultos e adultas, para persoas de maior idade. O cartel dos actos deste ano está ilustrado coa obra gañadora da categoría xuvenil na primeira edición, de Alicia Filgueira Pazos.
A performance interxeracional, para rematar, vai reivindicar a igualdade dando voz a mulleres de diferentes idades. Falarán as maiores de 65 anos, que viviron un contexto de maior desequilibrio entre sexos e mesmo de subordinación da muller diante da autoridade que ostentaban maridos e pais. Participará tamén outro grupo con idades desde os 25 ata os 65, que representan o momento actual e que falarán das marxinacións que todavía persisten, como a precariedade laboral e a discriminación salarial, a violencia machista ou a falta de corresponsabilidade nos coidados. Por último, estarán tamén sobre escenario as máis mozas, de menos de 25 anos, que representan a forza das que veñen esixindo igualdade real en todos os ámbitos.
Pola súa banda, a Asociación de Mulleres da Vila de Cedeira entregará un ano máis, arredor desta data do 8 de marzo, o seu premio Muller da Vila. Menchu Iglesias Rey, unha veciña que é un exemplo de resilencia pola súa capacidade para adaptarse e superarse despois dun accidente de tráfico que, con só 17 anos, lle provocou unha grave lesión medular. A entrega do premio celebrarase o día 13 de marzo, ás 19.30h, no Auditorio Municipal.