O CONCELLO DE CEDEIRA PRESENTARÁ Á VECIÑANZA O PROXECTO DE XARDÍN LITORAL DA ZONA DA MADALENA
O Concello de Cedeira convoca a toda a veciñanza a unha charla informativa que se celebrará o vindeiro día 5, ás 19.00h, no Auditorio Municipal. Nela presentarase o proxecto do xardín de litoral que se vai implementar na liña da praia da Madalena, despois das obras de rexeneración dunar realizadas polo Ministerio de Transición Ecolóxica, para contribuír á fixación e retención da area e, tamén, para mellorar a integración visual e paisaxística de toda a zona. Desde o goberno municipal indican que este é un traballo que está aberto a suxestións, de aí que chame a participar na charla.
O xardín litoral ocupará unha superficie total de 4.488 metros cadrados, desde o colexio Nicolás do Río ata a desembocadura do Río da Veiga, no que actualmente hai unha cobertura herbácea desigual, así como algunhas especies arbustivas e arbóreas, sobre un sustrato que é fundamentalmente areoso. É todo o espazo que está entre a empalizada situada na parte traseira da duna e o paseo marítimo, no que as especies vexetais plantadas recentemente, no marco do proxecto do Ministerio, non están cumplindo todavía de forma eficaz a súa función de retención e fixación.
O proxecto proposto polo Concello contribuirá a mellorar dito aspecto, e tamén creará un espazo axardinado integrado na contorna litoral, respectando o seu carácter paisaxístico e ambiental. Na área de actuación están os restos dunha fábrica de salazón cuxas ruínas van consolidarse e poñer en valor. Plantaranse diferentes especies arbustivas e de mata, todas moi resistentes e acaídas para as condicións de salinidade e vento propias da zona e, en xeral con períodos de floración estivais prolongados que coincidirán coa época de máis afluencia á praia.
O proxecto prevé tamén a plantación de árbores -magnolio, carballo, bidueiros, tilo, cipreses, acivros, metrosidero, piñeiro…- e a integración no xardín dos dous chopos que actualmente están na desembocadura do Río da Veiga, co que se van garantir as zonas de sombra na liña costeira. O xardín litoral ordenarase combinando diferentes cores das especies elixidas e contará con oito bancos e unha serie de sendeiros de pizarra.