Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ORGANIZA PARA O SÁBADO UN VIDEOFÓRUM SOBRE O TRABALLO DAS PERSOAS COIDADORAS

O Concello de Cedeira organiza para este sábado, día 8 de novembro, un videofórum arredor das persoas coidadoras e do valor que a sociedade concede ao seu traballo. No acto, previsto para as 19.30h no Auditorio Municipal, proxectarase o vídeo titulado “Sostendo a vida: persoas coidadoras”, que foi realizado pola Concellería de Igualdade a a través de entrevistas a veciños e veciñas da localidade, para dar pé á conversa co público sobre o esforzo que implica coidar, o invisibilizado que está dito labor e as consecuencias que ten na saúde de quen o asume.

Hoxe, día 5 de novembro, celébrase o Día Internacional das Persoas Coidadoras, unha data que pretende mover á reflexión sobre a importancia dun maior recoñecemento a este traballo, non remunerado en moitísimos casos. A conmemoración desta xornada, co citado videofórum, veu precedido dunha campaña nas redes sociais do Concello de Cedeira na que se compartiron fragmentos das entrevistas realizadas por parte da concelleira Lucía Picos e a profesional sanitaria Susana Iglesias. Nestes vídeos curtos fálase de corresponsabilidade, autocoidados, dos coidados dentro e fóra da familia, da consideración social deste labor…

Dende a Concellería de Igualdade convídase á cidadanía a asistir e participar no acto do sábado e contribuír así a recoñecer e dar visibilidade ao traballo dos coidados.

Back to top