Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ANIMA AO TECIDO EMPRESARIAL A APROVEITAR A NOVA CONVOCATORIA DAS AXUDAS DO GALP

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, participou onte na inauguración da xornada informativa que o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal desenvolveu nas instalacións da Confraría para difundir as oportunidades de financiamento que o tecido empresarial ten, especialmente o relacionado co mar, no programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA) 2021-2027. O acto contou tamén coa presencia da delegada territorial da Xunta de Galicia, Marina Aneiros, coa que o alcalde acudiu a continuación a visitar a empresa Juan García Pesca SL, beneficiaria do programa e exemplo do seu impacto positivo.

Na xornada ofreceuse información sobre a nova convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o vindeiro día 16 de febreiro. O programa de axudas está aberto a empresas, especialmente a aquelas do sector pesqueiro, así como a concellos, asociacións e outros colectivos, e o ámbito de actuación do GALP A Mariña-Ortegal abrangue os municipios de Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira e Mañón, xunto cos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo.

Moreda Gil, que tamén é vicepresidente do GALP A Mariña-Ortegal, animou ao tecido empresarial e outras entidades a aproveitar a convocatoria para obter financiación que lles permita ser máis competitivos e afrontar novos proxectos. Cómpre sinalar que o propio Concello de Cedeira é un axente especialmente activo no desenvolvemento de programas de actuación financiados por este programa, ao igual que outras entidades como a confraría e diferentes asociacións locais. Así, na estratexia que se desenvolveu entre 2014 e 2020, Cedeira foi quen de captar máis de 800.000€ de subvencións, mentres que nas convocatorias xa resoltas do actual programa plurianual as empresas, o Concello e outras entidades da localidade recibiron xa máis de 550.000€ de axudas.

A empresa Juan García Pesca obtivo preto de 104.000€ de axuda na convocatoria de 2023 para ampliar as súas liñas de produción cunha adicada ao empaquetado de filete, lomo e colas de peixe. Os fondos empregáronse na compra dunha termoseladora, compresor, detector de metais, sistema de etiquetado e pesaxe, mangas de difusión téxtil, carrito de transporte de oito alturas, descamados e mobiliario para mellorar as condicións laborais do persoal. Moreda Gil eloxiou a traxectoria desta empresa, cun empresario e traballadores e traballadoras de Cedeira, que “pon en valor a calidade da merluza de volanta do porto local cunha cadea de produción artesanal e coidada, que garante a máxima calidade”.

A orde de axudas conta cunha dotación plurianual de 7,75 M€ ata 2028 e está destinada a confrarías de pescadores e as súas federacións, asociacións profesionais do sector pesqueiro, Concellos e entidades sen ánimo de lucro, así como pequenas e medianas empresas e persoas físicas con capacidade para desenvolver unha actividade económica con domicilio fiscal e social en Galicia, entre outros. A finalidade é a de contribuír ao obxectivo europeo de permitir unha economía azul sostible nas zonas costeiras e fomentar o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e acuícolas.

Back to top