O CONCELLO ADXUDICOU DE NOVO A RENOVACIÓN DOS PAVIMENTOS DA RÚA ORTIGUEIRA E TRES PERPENDICULARES
O Concello de Cedeira adxudicou por 128.623€ (IVE incluído) as obras de renovación dos pavimentos das rúas Ortigueira e Ríos Condomiñas, Lamas e Tixón, todas situadas no núcleo urbano e estas tres últimas perpendiculares á primeira, xunto cunha mellora na superficie asfáltica da avenida de España no tramo do Polideportivo Municipal . É unha contía algo inferior á do contrato que xa asinara meses atrás a administración local para realizar esta actuación e que, por problemas da empresa, tivo que ser anulado.
Trátase dunha actuación que o Concello vai financiar con cargo á segunda fase do POS adicional de 2023. O proxecto abrangue a renovación do pavimento da rúa Ortigueira e tamén das catro perpendiculares: Ríos Condomiñas, Lamas e Tixón. A actuación permitirá avanzar en canto á accesibilidade, porque se van eliminar barreiras arquitectónicas, e tamén no saneamento, incorporando a rede separativa e recollendo por un lado as pluviais e por outro as augas residuais.
Tanto a rúa Ortigueira como as tres con nomes de ríos son viais cuxas beirarrúas presentan baldosas e bordos deteriorados. A actuación eliminará os diferentes niveis de rasante e permitirá ampliar os anchos das zonas peonís, ao tempo que se igualan o deseño e materiais coas restantes rúas do casco urbano que o Concello foi renovando nos últimos anos. Dentro do mesmo contrato está tamén unha mellora do tratamento superficial da avenida de España, por diante do Polideportivo Municipal.