O CONCELLO ADXUDICA POR 82.500€ AS OBRAS DE MELLORA EN CATRO CAMIÑOS DE CERVO E PIÑEIRO
O Concello de Cedeira acaba de adxudicar as obras de mellora en catro camiños das parroquias de Cervo e Piñeiro que se van acometer con cargo ao programa de axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). A actuación contratouse por un prezo de 82.522€ (IVE incluído), á oferta máis vantaxosa das dúas presentadas, dos que o organismo autonómico aporta 68.854€ e a administración municipal o resto.
A actuación afectará aos camiños de Bereixo, Santalla de Cervo, Lamelas e Arrasa, que suman unha lonxitude de 3,8km. O primeiro e o último son os que presentan un maior deterioro da súa capa de rodadura debido a un mal drenaxe, polo que será preciso renovar a base de macadam do firme. A pista que vai de Vista Alegre a Bereixo, na parroquia de San Cosme de Piñeiro, ten 1.000 metros de lonxitude. Xunto coa colocación da devandita capa de macadam e o tratamento superficial do firme, será necesario neste caso tamén colocar un paso salvacunetas para garantir a condución da auga e manter o ancho do vial.
O camiño de Santalla de Cervo ten 1.200 metros, a mesma lonxitude que o de Lamelas, na parroquia de Santa María do Mar, mentres que o de Arrasa, situado tamén en Santalla, percorre 400 metros. En todos as obras consistirán na mellora do firme, incorporando novas capas de rodadura que garantan unha maior seguridade do tráfico rodado.
O prazo de execución das obras será de tres meses.
