Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

GASTROMAR CEDEIRA | XORNADAS LECTIVAS E SAÍDAS PARA OS MÁIS NOVOS SOBRE A CULTURA MARIÑEIRA DA VILA

No marco do proxecto “GASTROMAR Cedeira”, leváronse a cabo sesións formativas nas aulas e saídas a espazos da vila para formar aos nenos en temas relacionados coa cultura mariñeira de Cedeira. As xornadas foron un éxito, coa participación de preto de 100 nenos e nenas do CEIP Nicolás del Río.

O proxecto “GASTROMAR Cedeira” segue poñendo en valor o patrimonio mariñeiro de Cedeira, nesta ocasión, coa posta en funcionamento dunhas xornadas divulgativas para os máis novos da vila co obxectivo de que se familiaricen co mar e o sector pesqueiro que tanta importancia ten no concello de Cedeira.

Durante as pasadas semanas, preto de 100 escolares dos cursos 1º e 2º de Primaria do CEIP Nicolás del Río recibiron nas súas aulas unha formación teórico práctica sobre o consumo responsable, o peso económico do sector pesqueiro na Vila e a súa diversidade.

Estas “Aulas Mariñeiras” complementáronse con saídas guiadas, onde as e os rapaces visitaron diversos puntos do concello para descubrir de primeira man os traballos que alí se realizan. Coñeceron espazos tan importantes para o patrimonio mariñeiro e o sector pesqueiro de Cedeira coma o porto e a lonxa.

Ao longo da realización das diferentes actividades, tanto na aula coma na saídas, todos os nenos e nenas amosaron unha actitude moi participativa e o seu interese en aprender sobre a cultura mariñeira da súa vila.

O proxecto «GASTROMAR Cedeira: promoción do consumo do produto mariñeiro local» está impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal.

Back to top