Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ítaca teatro pon en escena “Profetas”

ÍTACA TEATRO PON EN ESCENA PROFETAS, EN COPRODUCIÓN CO CDG, O 18 DE OUTUBRO EN CEDEIRA.

A obra presentarase o sábado 18, ás 20 horas, no Auditorio Municipal de Cedeira.

A compañía lucense Ítaca Teatro, fundada por Elea López e Carlos Rebolo segue a xirar coa súa sexta montaxe Profetas, un texto de Ernesto Is gañador do 16º Premio Abrente de textos teatrais da MIT de Ribadavia, en 2021. Despois do seu paso pola Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e tras facer parada en Burela e Vilalba, chegarán a Cedeira o sábado 18 deste mes.

Profetas, é un exercicio meta-teatral no que se plantexa a dúbida de si o que se está a ver é unha dramaturxia rematada ou un proceso de traballo que está sendo construíndo diante do público. A proposta funciona como un xogo de agochados, de abismos e de saltos entre realidade e ficción. Preséntasenos o reencontro dunha parella que xa non o é e que, na súa viaxe ao pasado, abordarán cuestións como o compromiso político e artístico, o amor e a creación como ferramentas que nos vencellan co mundo que nos arrodea.

O espectáculo é a primeira coprodución da compañía luguesa, neste caso, co Centro Dramático Galego e conta coa colaboración e o apoio do Concello e da MIT de Ribadavia, do Concello e da Deputación de Lugo e da Deputación da Coruña.

Á fronte do equipo artístico está Carlos Alvarez-Ossorio, como director e deseñador da iluminación e do espazo escénico; Ernesto Is é o autor do texto e da dramaturxia; Marga Portomeñe encárgase do deseño e creación de máscaras; Ítaca Teatro é responsable da escenografía e do vestiario; e finalmente Elea López e Carlos Rebolo conforman o elenco desta peza que nos levará de viaxe por Compostela, Mosul e Venecia visitando, ao mesmo tempo, tres planos: o íntimo, o social e o global.

A función terá lugar o sábado 18, ás 20 horas, no Auditorio Municipal de Cedeira.

Máis información en www.itacateatro.com

Back to top