ESTÁ ABERTO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE PROPOSTAS PARA O IV CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO “FUSA GUILLÉN
O Concello de Cedeira convoca a cuarta edición do Certame de Teatro Afeccionado Fusa Guillén, unha iniciativa coa que promociona a actividade das compañías non profesionais ao tempo que rende homenaxe e mantén viva na memoria a unha muller que deixou fonda pegada na vida cultural e que, particularmente, contribuiu a impulsar o teatro na localidade. Ata o vindeiro 20 de novembro, os grupos de teatro amador que o desexen poden presentar as súas candidaturas.
Un xurado formado por tres persoas da Concellería de Cultura e das artes escénicas encargarase de seleccionar, entre as compañías que se presenten ao certame, tres obras que se representarán no Auditorio Municipal os días 5, 6 e 12 de decembro, ás 20.00h. Cada unha das elixidas recibirá 750€ en concepto de gastos pola actuación.
Segundo establecen as bases, o certame está aberto exclusivamente ás compañías de teatro afeccionado e só se admitirá unha obra por grupo. As pezas deberán ter unha duración de 50 minutos como mínimo e ser en galego. Para a selección do xurado, as compañías deberán enviar coa súa solicitude diferente material, entre o que está un vídeo da representación completa ou dunha parte suficientemente representativa.
As bases completas poden consultarse aquí: https://sede.cedeira.gal/sxc/export/sites/cedeira/recursos/downloads/Tablon/2025/ANUNCIO_PROG_20251105110000153_ANEXO_1762336800-0.pdf