Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ESPECTÁCULO DE DANZA DE JULIA LAPORT, ESTE VENRES NO MARCO DO FESTIVAL DE ARTES ESCÉNICAS “DENDE A NADA”

O Auditorio Municipal e a sala Áncora de Cedeira rexistran desde o pasado sábado unha intensa actividade. Sucédense nestes espazos os obradoiros do Festival de Artes Escénicas “Dende a Nada”, impartidos por profesionais de ampla traxectoria, e chegan tamén os espectáculos aberto ao público. Julia Laport ofrecerá este venres a función de danza “Non me deixes aquí soa” e o propio alumnado de dous dos talleres representarán o domingo unha pequena peza, con escena e música orixinais.

A bailarina Julia Laport leva este venres ao Auditorio Municipal, ás 21.00h, o seu espectáculo “Non me deixes aquí soa”. A artista explora nesta montaxe as interseccións entre o fermoso e o grotesco. Nun xogo de máscaras e deformidades faciais, Julia Laport investiga a perda de identidade e a procura dun outro que poida cubrir esa carencia. As ilusións creadas con luces e sombras en escena por Laura Iturralde e as posibilidades de expandir e deformar o corpo con outros materiais que manipula Martín Gonçalves, amplifican o movemento dinámico e preciso de Waacking, transformando á artista nunha masa cambiante, cargada de posibilidades e en constante mutación. As entradas custarán 2,50€.

O mesmo Auditorio acollerá o domingo, ás 19.00h, a derradeira actividade do festival “Dende a Nada”. As persoas que participan estes días nos obradoiros de Dave Price e Simone Jenkinson ofrecerán unha pequena peza con posta en escea e música orixinais. A entrada será libre.

“O poder da música no teatro” é o título do taller que imparte Dave Price desde o luns, e “Da idea ao escenario” o do que está a desenvolver Simone Jenkinson, produtora de grandes espectáculos asentada desde hai anos en Cedeira e unha das artífices deste festival. Mañá xoves e o venres impartirase tamén un curso de “Loita escénica”, a cargo de Rachel Bown Williams, e os días 15 e 16 desenvolverase outro sobre “A mitoloxía e eu” por parte do director, escritor e actor Jamie Bradley.

Back to top