DEPUTACIÓN E CONCELLO DE CEDEIRA ASINAN O CONVENIO PARA FINANCIAR A AMPLIACIÓN DA PISCINA MUNICIPAL
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron hoxe o convenio de colaboración que servirá para financiar a dúas bandas a ampliación da piscina municipal, unha actuación que ten un presuposto de 588.790,08€. O organismo provincial aprobou no pleno desta mesma mañá o convenio, e os dous responsables formalizarono a continuación na sede da Coruña. A Deputación asume 300.000€ do custe e o Concello os 288.790,08€ restantes.
Tal e como establece o proxecto, a piscina municipal vai crecer ao longo e ao ancho, pasando dos 16×8 metros actuais aos 25×11,6m. É unha vella aspiración do Concello de Cedeira, que inicialmente pretendeu artellar un programa de financiación a tres bandas, contando coa Xunta de Galicia, para construír unha nova instalación. Foi un acordo unánime do pleno a comezos de 2023, pero a realide foi que o goberno autonómico non respostou e o municipal optou por procurar unha solución co respaldo da Deputación Provincial.
A obra conlevará unha importante mellora no funcionamento enerxético da instalación. A piscina actual foi inaugurada hai case 35 anos e ten un illamento deficiente, que vai ser corrixido cunha nova cuberta, novos muros para sustentala e unha fachada no lado leste que será de vidro illante e permitirá o paso da luz natural. O proxecto abrangue a rehabilitación enerxética da cuberta e da fachada oeste.
A nova fachada leste será de vidro illante e permitirá o paso da luz natural. Nos laterais levantaranse muros de formigón para soportar a nova cuberta. A instalación contará, por último, con novos equipos de depuración de auga, renovación de aire e iluminación. O conxunto será unha piscina con máis espazo para nadar e máis confort para usuarios e usuarias, con menos consumo de enerxía.