Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CINE, TORNEO DE BASKET 3X3, FESTA DE SANTA ANA E OUTRAS ATRACCIÓNS ENCHEN A AXENDA DE CEDEIRA DESDE HOXE

Cine, festa de Santa Ana, torneo de baloncesto 3×3 e outras actividades culturais e de lecer enchen a axenda destes días en Cedeira, localidade que vive un verán máis unha grande animación. Este venres día 25, o Concello celebrará o Día da Patria Galega cun acto, ás 12.00h na praza do Concello, no que se vai ler un manifesto institucional e no que se escoitará o discurso “Alba de Gloria”, que Castelao leu na mesma data de 1948 no Teatro Arxentino, no peche dunhas xornadas organizadas polo Centro Galego de Bos Aires. Pasarase a recreación que o Consello da Cultura Galega fixo daquela histórica intervención, que produxo unha fonda impresión e que perdurou no tempo como unha das mellores pezas de oratoria na nosa lingua.

A axenda ten citas destacadas desde hoxe en Cedeira. Neste martes día 22, ás 21.00h e con entrada de balde, proxectarase no Auditorio Municipal unha nova película do ciclo Mestre Mateo. Tócalle ao documental “Prefiro condearme”, para o público adulto. A cinta parte dun xuízo por adulterio contra unha mariscadora da ría de Ferrol durante a ditadura, en 1972. O Tribunal eclesiástico de Compostela, que asume competencias civís, absolve contra todo prognóstico a Sagrario Ribela Fra, unha muller de 33 anos cuxa historia reflicte a opresión, a violencia e a falla de dereitos da época.

Esta semana hai outras dúas citas co cine. Mañá, día 23, hai un novo pase do ciclo Mestre Mateo, tamén ás 21.00h e de balde. A película é “+Cuñados”, non recomendada para menores de 12 anos. É unha comedia sobre as peripecias delituosas de tres cuñados, embarcados no plan de salvar as dificultades económicas da familia a través dun secuestro. O xoves 24 de xullo será a última proxección do ciclo “Cedeira polo cine”, organizado polo Concello a través do CLIA Ondiñas na Vila. Ás 19.30h no Auditorio verase “Cuerpo Escombro”, unha comedia sobre a discapacidade na que o actor Dani Rovira interpreta a un home que, animado polo seu irmán, decide facerse pasar por paralítico cerebral para conseguir un traballo.

O venres 25, xornada festiva na que terá lugar o devandito acto institucional do Concello, desenvolverase tamén o XXXV Festival de Corais “Vila de Cedeira”, ás 20.30h no Auditorio. Actuarán a formación anfitroa, a Sociedade Artística Eixil, e tamén a rondalla Sonidos del Alba, a coral Alecrín de Brión e a Eumesa de Pontedeume. Na mesma xornada haberá, no paseo da Mariña, un novo Encontro Artesán ao longo da xornada, con actuacións de música e baile e obradoiros de pintura para crianzas.

O Torneo Cedeira 3×3, todo un clásico na programación estival de Cedeira, acadou un ano máis unha altísima participación. Un total de 53 equipos están inscritos nesta competición que, tras anos de ausencia, voltou no verán de 2022 con forza da man do Cedeira Basket Club. O torneo volve converter Cedeira no epicentro do baloncesto en toda a conforna e fai da praza de Floreal o escenario de toda unha festa deste deporte. Este xoves, día 24 comezarán os partidos do torneo, no que particpan 10 equipos de minibasket -nenos e nenas nados entre 2014 e 2019-, 14 de infantil -de 2010 a 2013- e 29 senior.

As competicións do 3×3 nas categorías minibasket e infantil comezarán, respectivamente, o xoves ás 18.00 e ás 20.20h. Os partidos dos equipos senior comezarán o venres 25 ás 18.40h. As finais de todas elas serán o domingo -a última, da categoría senior, ás 20.00h-, nunha xornada na que tamén haberá un concurso de habilidades, ás 12.30h, unha sesión vermú co DJ La Vepe a partir das 14.00h e o concurso de triples ás 18.40h.

O sábado, día 26, será a festa en honor de Santa Ana. Ás 12.00h haberá misa cantada pola Coral Eixil e a continuación sairá a procesión polo casco antigo acompañada pola Banda de Música de Cedeira. O percorrido rematará na praza Roxa, onde a formación ofrecerá un concerto. Pola noite, a partir das 23.00h, haberá unha verbena co grupo M-3 Show na mesma praza Roxa.

O sábado pola tarde inauguraranse os tobogáns xigantes que un ano máis o Concello de Cedeira pon á disposición do público, especialmente de crianzas e mocedade, de xeito gratuíto. Na xornada do 26 funcionarán en horario de tarde, de 16.30 a 20.00h e os días 27, 28 e 29 farano de 11.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.00h. Subir e tirarse polos esvaradoiros é gratuíto, só é preciso inscribirse ao pé dos propios inchables.

Back to top