CEDEIRA MAR DE VIDA. SESIÓN FORMATIVA SOBRE A ACTIVIDADE FÍSICA, O DEPORTE E A ALIMENTACIÓN
Onte tivo lugar unha charla para alumnos do CEIP Nicolás del Río co fin de formar aos máis novos sobre a importancia da actividade física, o deporte e a alimentación, un dos obxectivos do proxecto “Cedeira, mar de vida” dentro das axudas concedidas polo GALP A Mariña – Ortegal o concello de Cedeira.
Dentro das actividades que recolle o proxecto “Cedeira, mar de vida” orientadas a promover hábitos saudables, atópase a realización de sesións formativas para os escolares da vila. No día de onte, luns 27 de outubro, Xan Suárez (adestrador do Club de Natación Cedeira) e Lucas Riola (triatleta e ex alumno do centro) impartiron unha charla a alumnos dos cursos 5º e 6º de Primaria sobre a actividade física, e o deporte.
Todos os escolares presentes amosaron unha actitude participativa, adquiriron novos coñecementos sobre a actividade física e a alimentación, e desfrutaron dunha xornada pedagóxica e entretida a partes iguais.
A través desta actividade favorécese a práctica deportiva co obxectivo de fomentar o envellecemento activo. Isto, claro, sempre relacionado coas demais accións englobadas dentro do proxecto coma a posta en valor dos produtos locais, os recursos naturais e as actividades vinculadas aos mesmos, a partir da promoción de hábitos de vida saudables.
Deste xeito o proxecto “CEDEIRA – MAR DE VIDA” permite non só poñer en valor a importancia da actividade física, senón inculcar tamén ás novas xeracións hábitos de vida máis saudables, a través de sesións formativas, nas que impartir coñecementos aos raaces e rapazas máis novos da vila que ademais poderán transmitir dentro da súa familia, engadindo un valor multiplicador ao proxecto entre xeracións.
O proxecto «CEDEIRA MAR DE VIDA: Promoción do produto mariñeiro como fonte de saúde e hábitos de vida saudable” foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal.