CEDEIRA MAR DE VIDA. SEGUNDA XORNADA FORMATIVA PARA ESCOLARES DE CEDEIRA SOBRE A NUTRICIÓN
Hoxe tivo lugar unha charla para alumnos do CEIP Nicolás del Río co fin de formar aos máis novos sobre a importancia da nutrición, un dos obxectivos do proxecto “Cedeira, mar de vida” dentro das axudas concedidas polo GALP A Mariña – Ortegal o concello de Cedeira.
No marco das actividades que pon en funcionamento o proxecto “Cedeira, mar de vida” orientadas a promover hábitos saudables, atópase a realización de sesións formativas para os escolares da vila. No día de hoxe, mércores 5 de novembro, a nutricionista Alicia Villegas impartiu a segunda charla sobre a nutrición e a súa importancia para levar unha vida saudable no CEIP Nicolás del Río, nesta ocasión aos alumnos de 5º de Primaria.
O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, achegouse ata a sesión e puido ver como os alumnos presentes desfrutaron da xornada formativa, amosaron unha actitude participativa e aprenderon aspectos relevantes relacionados coa nutrición da man dunha gran profesional.
A través desta actividade favorécese o coñecemento de costumes de nutrición saudables co obxectivo de fomentar os hábitos de vida saudables. Isto, claro, sempre relacionado coas demais accións englobadas dentro do proxecto coma a posta en valor dos produtos locais, os recursos naturais e as actividades vinculadas aos mesmos, a partir da propia promoción de hábitos de vida saudables en xeral.
Deste xeito o proxecto “CEDEIRA – MAR DE VIDA” permite non só poñer en valor a importancia da actividade física, senón inculcar tamén ás novas xeracións hábitos de vida máis saudables, a través de sesións formativas, nas que impartir coñecementos aos rapaces e rapazas máis novos da vila que ademais poderán transmitir dentro da súa familia, engadindo un valor multiplicador ao proxecto entre xeracións.
O proxecto «CEDEIRA MAR DE VIDA: Promoción do produto mariñeiro como fonte de saúde e hábitos de vida saudable” foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal.