Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CEDEIRA MAR DE VIDA. SAÍDAS SAUDABLES PARA OS ESCOLARES DE CEDEIRA

Os pasados xoves 6 e venres 7 de novembro tiveron lugar saídas saudables para alumnos do CEIP Nicolás del Río co fin de seguir formando ás xeracións máis novas na importancia da actividade física e a alimentación, un dos obxectivos do proxecto “Cedeira, mar de vida” dentro das axudas concedidas dende o GALP A Mariña – Ortegal ao concello de Cedeira.

Dentro das actividades que recolle o proxecto “Cedeira, mar de vida” orientadas a promover hábitos saudables, especialmente nas xeracións máis novas, atópase a realización de saídas saudables para os escolares da vila.

Durante a xornada lectiva do 6 e 7 de novembro os alumnos dos cursos de 5º e 6º de Primaria do CEIP Nicolás del Río, puideron desfrutar dun paseo saudable pola vila, destacando a importancia de manter hábitos de vida activa. O paseo culminou coa visita ao restaurante local O Badulaque, onde Manuel lles falou da procedencia e uso do produto do mar que empregan nas súas receitas, que tiveron o gusto de probar.

Durante as saídas, os alumnos de Cedeira observaron na práctica o ensinado na teoría nas charlas que tiveron en aula con Xan Suárez (adestrador do Club de Natación Cedeira) e Lucas Riola (triatleta e ex alumno do centro) sobre a actividade física, o deporte e a alimentación; e con Alicia Villegas (nutricionista) sobre a alimentación saudable. Os escolares amosaron unha actitude participativa, adquiriron novos coñecementos sobre a actividade física e a alimentación, e desfrutaron dunha xornada pedagóxica e entretida a partes iguais.

A través desta actividade favorécese a práctica deportiva e a alimentación saudable co obxectivo de fomentar os hábitos saudables. Isto, claro, sempre relacionado coas demais accións englobadas dentro do proxecto coma a posta en valor dos produtos locais, os recursos naturais e as actividades vinculadas aos mesmos, a partir da promoción de hábitos de vida saudables.

Deste xeito o proxecto “CEDEIRA – MAR DE VIDA” permite non só poñer en valor a importancia da actividade física, senón inculcar tamén ás novas xeracións hábitos de vida máis saudables, a través de sesións formativas, nas que impartir coñecementos aos rapaces e rapazas máis novos da vila que ademais poderán transmitir dentro da súa familia, engadindo un valor multiplicador ao proxecto entre xeracións.

O proxecto «CEDEIRA MAR DE VIDA: Promoción do produto mariñeiro como fonte de saúde e hábitos de vida saudable” foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal.

Back to top