GASTROMAR Cedeira
-
Data
22 de Outubro de 2025
-
Horario
18:00
O mércores 22 de outubro, a partir das 18:00 horas, tedes cita na Sala Áncora (Praza Roxa) cunha sesión de cociña mariñeira.
Mediante a preparación en directo de dúas orixinais receitas, empregando os produtos locais do mar combinados con outros ingredientes novidosos, preténdese achegar á hostalaría local as distintas posibilidades e aplicacións destas materias primas nos seus negocios. A sesión estará dirixida polos chefs Diego Fernández e Jordi Fernández do restaurante Fame Kanalla, recoñecido polas súas creacións nas que se mesturan pratos tradicionais con propostas máis innovadoras.
O obxectivo da actividade é reforzar as relación locais entre o sector do mar e a hostalaría, á hora de promover o uso de especies mariñas da zona e a súa transformación na cociña, ofertando produto KM0 á propia veciñanza e visitantes, visibilizando os produtos da lonxa e fomentando a comercialización de todo tipo de especies mariñas e subproductos.
A actividade está dirixida ás e ós hostaleiros locais da vila, aínda que estará aberta ao público xeral que teña interese en participar. Esta actividade ten aforo limitado, polo que é necesaria a inscrición previa a través do 621 25 14 90.
«GASTROMAR Cedeira» é unha iniciativa para a revalorización do sector mariñeiro a través de actividades orientadas a diferentes públicos. Ademais destas sesións de cociña mariñeira, destacan as aulas mariñeiras para o alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos locais; guiados de rutas para o público xeral; exposicións exteriores sobre as xentes do mar, a gastronomía, o coidado e conservación do medio ou o consumo responsable e accións de comunicación para a difusión das actividades do proxecto.
O proxecto «GASTROMAR Cedeira: promoción do consumo do produto mariñeiro local» foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal.