Ciclo Mestre Mateo
Este evento xa rematou
-
Data
22 de Xullo de 2025
-
Horario
21:00
-
Auditorio Municipal
Rúa María Mediadora esquina rúa Convento - Cedeira
Cedeira está un ano máis entre as seis localidades da provincia da Coruña polas que vai pasar o melloriño do cine galego do último ano. O ciclo Mestre Mateo levará á gran pantalla do Auditorio Municipal as películas que foron finalistas nas diferentes categorías dos premios da Academia Galega do Audiovisual, a entidade que promove o programa contando co apoio da Deputación Provincial.
O ciclo abrangue dez sesións, seis das cales están programadas para o presente mes de xullo. Todas serán de balde, ata completar aforo, e o calendario é o seguinte:
“Aurora”: 11 de xullo, 21.00h, cine documental, público adulto. Aurora e Area, mulleres de mundos totalmente dispares e con gran diferenza de idade entre elas, establecen unha forte relación de intimidade, confianza e profundas conversacións ligadas á morte, a familia, a guerra e o papel da muller.
“Filmei paxaros voando”: 18 de xullo, 21.00h, cine documental, público adulto. Zeltia, tras dúas décadas en Barcelona lonxe da súa Galicia natal e da súa nai Socorro, unha muller conservadora da que se afastou, regresa á súa terra para filmar unha película e explorar o seu desarraigamento familiar. Na procura de respostas, segue a vida do seu tío Antonio, un artesán téxtil co que se identifica pola súa creatividade e visión da vida. Con todo, é coa súa nai con quen realmente se reencontra, sobre todo cando a saúde de Socorro empeora. Entre rodaxes e coidados, nai e filla atopan un espazo para sandar vellas feridas e compartir momentos de complicidade e amor.
“Prefiro condearme”: 22 de xullo, 21.00h, cine documental, público adulto. Parte dun xuízo por adulterio contra unha mariscadora da ría de Ferrol durante a ditadura, en 1972. O Tribunal eclesiástico de Compostela, que asume competencias civís, contra todo prognóstico absolve a Sagrario Ribela Fra. Ten 33 anos. Recompoñer as pezas desta historia lévanos a un personaxe popular capaz de confrontar as regras que, tamén no terreo dos afectos, encérrana nun papel de subalterna. E se emerxe a violencia, os malos tratos, a falta de dereitos á vez que unha atmosfera social opresiva, en realidade do que trata a película é do que todas e todos desexamos: querer e que che queiran.
“+Cuñados”: 23 de xullo, 21.00h, cine ficción, non recomendada a menores de 12 anos. Comedia sobre as peripecias delituosas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado para salvar o que máis queren: a familia. Eduardo e o seu cuñado Sabonis acaban de meter a pata nun dos seus negocios e necesitan diñeiro. Moito diñeiro. Será Sabonis quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto, cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados.
“Salvaxe, salvaxe”: 29 de xullo, 21.00h, cine documental, público adulto. Ules iso? A cámara penetra nos montes galego-portugueses, rastrexando imaxes e ausencias do lobo ibérico. Este ensaio fílmico atravesa unha historia relacional cargada de sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe. Xorde un antidocumental de natureza: lobos que miran a cámara aterrorizados e humanos que aúllan. Todas as criaturas deixamos rastros neste baile coidadoso de rastrexadores rastrexados.
“As Neves”: 30 de xullo, 21.00h, cine ficción, non recomendada a menores de 12 anos. As Neves é un pobo galego de montaña onde todos coñécense. A noite de entroido un grupo de adolescentes celebran unha festa e se drogan con cogomelos por primeira vez. Ao día seguinte espertan cun temporal de neve e a noticia de que Paula, unha das mozas da festa, desapareceu. Mentres, o pobo queda incomunicado e cae internet. Cada vez é máis urxente atopala. Iníciase unha investigación que causará un profundo cambio nas súas vidas e na súa relación co mundo.
Xunto con estes pases, completarán o ciclo Mestre Mateo en Cedeira outras catro sesións – “HoneyMoon, “Xustiza Artificial” e dúas adicadas ás curtametraxes- que se desenvolverán no mes de outubro.