Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CICLO FUSA GUILLÉN PROGRAMA DÚAS REPRESENTACIÓNS DE TEATRO AMADOR PARA OS VENRES 4 E 11 DE DECEMBRO

This event has ended

Nesta edición serán dúas as compañías de teatro amador que actuarán en Cedeira no marco do V Certame Fusa Guillén. O xurado do concurso seleccionou tres obras e dúas reservas entre as nove que se presentaron, tal como indican as bases, pero só se puideron programar dúas das tres representacións previstas. Cuestións de saúde dun dos compoñentes fixo imposible que unha das compañías actuara este venres e tampouco estaban dispoñibles as reservas, polo que o Concello tivo que pechar o ciclo con dúas citas, os días 4 e 11 de decembro.

As tres seleccionadas inicialmente polo xurado foron a ferrolá Opaí Teatro (coa obra O Suíña), o grupo da asociación ortegana O Bicho da Barra (con “Unha obra para un pobo”), e a Asociación Cultural Rebuldeira Teatro, de Sarria (con “Vermello”. Como reservas seleccionouse a Escola de Teatro Xuvenil de Neda (“O Principiño”) e O Catre Teatro (“Paripé, O Cabaré).

Porén, o programa de actuacións final, polas circunstancias xa explicadas, contará cos grupos das asociacións O Bicho da Barra e Rebuldeira. O primeiro representará “Unha obra para un pobo” o vindeiro día 4 de decembro, ás 21.00h no Auditorio Municipal. O segundo ofrecerá “Vermello” o día 11 de decembro, tamén venres, á mesma hora.

O grupo da asociación ortegana O Bicho da Barra repite en Cedeira por segundo ano consecutivo. A peza desta edición, “Unha obra para un pobo”, é unha comedia de humor surrealista, baixo a dirección de Agustín Bolaños e con interpretación de Andrés Domínguez Bascoy, David Lorenzo Rapa, Mª Cruz Sabio Teijeiro e Mª Belén Vizoso García. Conta a historia dunha compañía de teatro afeccionado que perde ao seu director e non ten obra que representar, polo que os seus actores e actrices deciden adaptar un texto dun autor vivo: ¿poderán facer a estrea a tempo?

Rebuldeira Teatro, de Sarria, vén de gañar o premio ao mellor guión orixinal na primeira edición dos premios Feteagal Manuel Lorenzo coa obra “Vermello” que representará en Cedeira. É unha peza ambientada na Guerra Civil, na que se mistura memoria histórica, identidade e resistencia con voces contemporáneas, combinando humor e drama.

Back to top